Monday 29 de April de 2024

Lousame aproba os Orzamentos de 2016, que ascenden a 2,8 millóns, destinan 860.000 euros a inversión e aumentan o gasto social nun 8,4%


As contas foron aprobadas en pleno cos votos a favor do Grupo de Goberno e as abstencións de PSOE e BNG, que non fixeron comentario algún sobre as contas nas dúas quendas de intervencións

O pleno de Lousame aprobou na noite do venres os Orzamentos Municipais para 2016, que ascenden a 2.856.295,34 euros, contemplan unha partida de 859.370,97 euros e unha reducción da débeda a longo prazo, que pasaría do actual 6,46% ao 5,52% a finais de ano. Unhas contas que foron aprobadas cos seis votos a favor do Grupo de Goberno e as catro abstencións de PSOE e BNG, que non fixeron uso de ningunha das dúas quendas de palabra durante a sesión. O Partido da Terra non contou con representación xa que a Xunta Electoral todavía non remitiu a documentación para a toma de posesión do novo concelleiro que substituirá a Xoán Evans.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que se trata duns orzamentos que “cumpren co principio de estabilidade orzamentaria e rexistran un aforro neto positivo”. Villaverde Pais desglosou as cifras máis significativas dos Orzamentos de 2016, desculpando o atraso na súa presentación, debido a que Lousame leva sen secretaria dende o pasado mes de xuño, polo que agradeceu especialmente o traballo realizado pola secretaria accidental do Concello.

Servizos Sociais

A alcaldesa de Lousame salientou “o incremento do 8,43% do investimento en Servizos Sociais, especialmente en cuestións como axuda no Fogar, atención aos maiores, atención á infancia e conciliación familiar”. Así, a partida dedicada a servizos sociais en 2016 ascenderá a 441.895 euros, fronte aos 407.543 euros do exercicio 2015.

Así mesmo, Villaverde Pais presentou un certificado de contabilidade de que, a día de hoxe, a débeda do Concello de Lousame con entidades financieiras é de 124.000 euros, o que representa un 6,46%. “A fin de ano, sen contar o PAI, teremos un 5,52% e, contando o PAI, menos dun 5%, polo que espero que para o ano que vén esa débeda sexa cero”. Tamén indicou que tan só restan 27.000 euros por ingresar para cancelar a operación de tesourería feita en 2015 para poder anticipar os pagos das distintas liñas de axuda que reciben os municipios.

Investimentos

Así mesmo, a alcaldesa de Lousame repasou a partida de investimentos, que ascende a case 860.000 euros, a falta de incluír achegas como as obras do Plan de Aforro e Investimentos ou as do Plan de Medio Ambiente da Deputación, que sumarán outros 200.000 euros máis. Villaverde salientou os investimentos en saneamento, especialmente o saneamento e a depuradora de Seixido, Filgueira e Servia, que ascende a 159.471,91 euros e será financiado con cargo a unha axuda da Consellería de Medio Ambiente. A maiores, o Concello de Lousame contempla achegar 8.416 euros de fondos propios para unha instalación de electricidade no bombeo de O Castro e está a realizar unhas obras de mellora da traída de augas en Cruído, substituíndo as antigas tuberías por outras novas.

Villaverde tamén destacou as medidas de aforro enerxético contempladas neste Orzamento, pois a través dun acordo co INEGA instalaranse caldeiras de biomasa nos locais sociais de Aldeagrande, Camboño e Lesende; así como unha instalación de xeotermia no albergue de Toxosoutos. Así mesmo, os Orzamentos de 2016 contemplan 73.405 euros en reparacións en locais sociais, 40.000 euros nun proxecto de mellora enerxética da Casa do Concello e 20.185 euros no acondicionamento dos lavadoiros de Tállara e Merelle.

Teresa Villaverde destacou tamén un proxecto para substituír o alumeado en Marracín e Tállara por LEDs e anunciou que “pretendemos facer unha auditoría para facer un planning enerxético para todo o concello de cara a conseguir un maior aforro”.

A partida máis grande dos orzamentos correspóndense con investimentos en materia de reparación de vías públicas e melloras nos accesos aos núcleos de poboación, que ascende a 457.199 euros. Nesta partida contémplanse proxectos como a mellora do camiño do Campo Santo-Pascual (Guiende) por 80.725,15 euros; a mellora dos accesos a Berrimes (66.769,81 euros), a San Xusto e Fontefría (57.712 euros); e a Camboño e Miñortos (45.580 euros); e a pavimentación de vías públicas en Marracín de Arriba e Outeiro (58.893,93 euros).

Tamén se contemplan 31.144 euros para a mellora dos parques infantís de Portobravo e Escabia; 64.669 euros para mellorar os accesos aos locais sociais de Cruído e Cernande; 36.030 euros para o acondicionamento do interior de Silvarredonda; e 15.674 euros para a reparación da senda peonil de Marracín de Abaixo.

Mocións

Antes da quenda de mocións, o pleno ratificou a Resolución da Alcaldía sobre o cambmio de nome nun proxecto do Plan de Acción Social da Deputación, que orixinariamente se denominaba “Reparación en locais sociais” e agora pasa a chamarse “Reparación en local social de Lesende e outros”. O proxecto é o mesmo que o aprobado anteriormente. A proposta foi aprobada cos votos a favor do Grupo de Goberno e as abstencións de PSOE e BNG.

Na quenda de mocións, o pleno aprobou por unanimidade unha do BNG sobre defensa dos dereitos das persoas refuxiadas, pola que o Concello de Lousame izará a media asta a bandeira da Unión Europea como acto simbólico de recoñecemento ás persoas desprazadas, ademais de amosar o seu rexeitamento ao pacto entre a UE e Turquíae poñer todos os recursos á súa disposición para colabarar na “peor crise de persoas desprazadas dende a II Guerra Mundial. É unha salvaxada”, apuntou Amador Turnes, voceiro do BNG. “Estamos de acordo no fondo”, explicou a alcaldesa de Lousame, quen puntualizou que “é algo que nos excede como concello, pero que nos debe levar a unha reflexión”. Así mesmo, lembrou que “dende Lousame fomos dos primeiros concellos en adoptar medidas por se algúen quería acoller a refuxiados”.

Finalmente, o pleno municipal aprobou tamén unha moción de urxencia presentada polo BNG sobre San Finx a raíz dunha denuncia pública nos medios de comunicación por parte dun colectivo ecoloxista sobre a existencia dunha balsa de lodos na contorna e dunha suposta perigosidade para o medio natural. Turnes solicitou que se instase á Xunta de Galicia a inspeccionar a zona e adoptar as medidas que sexan necesaria. Ademais, solicitou que o Concello abra un expediente para verificar que se están a cumprir todas as medidas medioambientais posibles, puntualizando que “non estamos pedindo que San Finx deixe de traballar”.

Teresa Villaverde explicou que “xa se fixeron varias inspeccións por parte da Xunta e de Augas de Galicia. Dende o Concello fixemos todo o que está nas nosas mans porque temos a obriga de pedir que a empresa cumpra. Falta por chegar o informe de Augas de Galicia. Se está correcto, só teremos que seguir vixiando”. A alcaldesa de Lousame fixo un chamamento á prudencia xa que “non quero alarmar á poboación desa maneira, debemos vixiar que a empresa cumpra sempre a normativa. Houbo inspección e seguiremos facendo todo o preciso”. A alcaldesa de Lousame fixo un convite aos membros da oposición a realizar unha visita á zona para maior tranquilidade e poder comprobar in situ a situación real da zona.